Benvid@s á primeira edición de "Que Ves Cando Me Ves?"

Nesta páxina publicaremos as últimas novas
que están a acontecer durante as xornadas




15/06/2011
Un recital poético dá voz ás “Expulsadas do Parnaso”>
Data: venres 17 ás 20.00 h. 
Lugar: Casa das Asociacións de Cornes (ver mapa)

Andrea Nunes Brións e Raquel Rei (As Candongas do Quirombo), Ania González, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Ledicia Costas Álvarez, Olalla Cociña xunto a Dores Tembrás e Teófila Noemí Ruiz son as poetas que participarán no recital que leva por lema “Expulsadas do Parnaso”. O acto enmárcase nas xornadas “Que ves cando me ves?” que buscan visibilizar e dar voz á muller na produción cultural galega, e promover a reflexión crítica da cidadania.

Son elas as musas expulsadas do Parnaso? Se cadra cansaron de habitar no mundo da lírica máis “etérea” e baixan á terra para ser mulleres de carne e óso, mulleres con moitas cousas que contar. Para comprobalo, haberá que asistir ao recital que terá lugar este venres 17 ás 20.00 h. na Casa das Asociacións de Cornes.

A intención do recital é que poetas de diferentes xeracións e estéticas se reúnan co público nunha escoita e espazo non convencionais. As voces, os xestos e algúns traballos audiovisuais achegarán a obra destas escritoras que comparten a palabra como canle para "dicir" pero de xeitos moi diversos. Pero sobre todo, o obxectivo do recital é animar ao público a recuperar o pracer da escoita e a capacidade de asombro nestes tempos de présa e vertixe informativa nos que resulta tan difícil concentrarse na simple oralidade.

Día grande na praza Roxa
As xornadas continuarán o sábado 18 coa celebración dun evento central. Entre as 11 e as 14.30 h. estará instalada unha carpa na praza Roxa de Santiago onde se fará estampación en directo de mandís e bolsas da compra con lemas e motivos que traerán a Santiago o espírito do maio francés. Alí haberá tamén contacontos, stands de revistas e editoriais e outros espectáculos sempre abertos á participación do público.

Ese mesma mañá o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que o público axudará a liberar, unha metáfora do teito de cristal que obstaculiza a ascensión das mulleres nos seus proxectos persoais e profesionais. 


 Podedes ver o cartel da xornada picando aquí.



07/06/2011
Facédevos fans de "Que ves cando me ves?" en Facebook
Desde esa páxina recordaremosvos todos os eventos. Podedes acceder picando aquí.



07/06/2011
Interésavos participar nunha 2ª edición?
Para propor actividades e integrar o dossier inicial na procura de financiamento, proximamente poderedes descargar a ficha de convocatoria e acompañarnos coas vosas propostas, ideas e invencións.



08/05/2011
Un carro de batalla no que calquera muller se pode retratar como unha superheroína e o documental “As silenciadas” abren as xornadas “Que ves cando me ves?”

A proxección do documental “As silenciadas”, de Pablo Ces, e o carro de batalla que a artista María Chenut levará por toda a cidade inaugurarán mañá en Santiago as xornadas que baixo o lema Que ves cando me ves? pretenden visibilizar e dar voz á muller na produción cultural galega, e promover a reflexión crítica da cidadania.



A coordinadora do proxecto, Teófila Noemí Ruíz, explicou hoxe na rolda de prensa de presentación que estas xornadas naceron coa intención de “reunir a maior cantidade de axentes activas na producción cultural para impulsar un espazo de encontro e relación onde coñecernos”. “Moitas sabemos das outras a través de redes sociais”, sen dúbida un bo medio para “tecer redes, compartir recursos e coordinar axendas” pero falta “o contacto físico”, explicou. Así, diversas mulleres artistas, e tamén algún home presentan en diferentes formatos actuacións e actividades culturais e recreativas que convidan á cidadanía a reflexionar e actuar.



O evento central das xornadas será o sábado 18 de xuño. Entre as 11 e as 14.30 h. estará instalada unha carpa na praza Roxa onde se fará estampación en directo de mandís e bolsas da compra que traerán a Santiago “o espírito do maio francés”, explicou Ruíz, “onde a xente nova e as mulleres eran axentes activos da sociedade”. Alí haberá tamén contacontos, stands de revistas e editoriais e outros espectáculos sempre abertos á participación do público.

Ese mesma mañá o Colectivo Artístico 20 65 levará a cabo unha instalación-performance coa colocación de 300 globos no chan que simbolizan “os proxectos que ao longo da historias se anularon por ser as súas promotoras femininas”, segundo explicou Paula Cabaleiro, integrante e fundadora deste colectivo. “Convidamos a que espectadores e viandantes axuden a liberar eses proxectos que irán cara arriba, cara o ceo de Compostela”, dixo.

 



06/05/2011
"As Silenciadas" chega a Santiago de Compostela
Para tod@s aqueles que ainda non puideron vela, estaremos o vindeiro mércores día 8 de xuño, as 19:30h no CGAG, no proxecto Quevescandomeves.

· Ver invitación
· Ver tráiler e teaser



01/05/2011
Por fin o marabilloso carro de "Muller Express"...
estará nas rúas de Compostela! So tes que localizalo, involucrarte e ‘clic’... retratada como Súper Heroína. Xoga connosco, divírtete e faite ver! Consulta as datas na páxina do programa.



22/04/2011
Ainda estades a tempo!
Para compartir connosco a axenda de programación e para propor actividades! 
Descargade a ficha de participación (aquí) e acompañádenos coas vosas propostas e adhesións.

· A páxina web manterase actualizada.